Cargando imaxes...
Asociación Solfa

De Bloque en Bloque

 

Xornada de festas no barrio das Fontiñas o sábado,  17 de xuño, organizado polo colectivo Barriopía.

Pasarrúas, xantar popular, roteiros, circo e diversas actuacións terán como escenario os nosos xardíns e patios.

A coral de solfa actuará ás 19.00h no bloque 2.1.

Programa:

  • Xota de Lira
  • Costureiriña
  • Fisterra
  • O rama

Concerto nas Praterías

Sábado día 10 de xuño ás 19.00h. na Praza das Praterias.

Actúan:

  • Coral Ensaio da escola municipal de música da Póvoa  de Varzim
  • Coral da Asociación Cultural e Musical Solfa
  • Banda de música de Solfa de Compostela

As dúas corais cantaremos nun espazo cheo de historia, a escasos metros do Panteón Real da Catedral de Santiago que acolle os restos de Reis de Galiza: Fernando II, Afonso VIII a Raíña Berenguela e outros nobres como Xoana de Castro, Raimundo do Borgoña… que foron algúns dos personaxes insignes do Reino de Galiza, época en que o galego era o idioma da Corte Real e moi valorado en toda a cristiandade. A independencia de Portugal do Reino de Galiza trouxo séculos de separación, a pesar dos cales mantemos un idioma Galego-Portugués que nos une e co que imos deleitar os espectadores.

Con este nexo común do idioma milenario interpretaremos música clásica e tradicional portuguesa e galega.

Programa do concerto

Concerto en Carral

A Coral Polifónica de Carral convida a Coral de Solfa a participar nun concerto o día 27 de maio, ás 20h. no centro T. Espiñeira.

Carral sempre nos evoca a memoria dos Mártires de Carral que en abril de 1846 morreron por querer que a identidade de Galiza fose recoñecida para poder autogobernarse e acabar co atraso económico a que estaba sometida e liberarse da política centralista exercida pola Corte.

Moitos foron os que pagaron coa súa vida ou o desterro o feito de desexar que Galiza tivesse liberdade para escoller o seu destino.

Con isto na lembranza, nós comezaremos este concerto con: O maio de Curros Enríquez

Programa do concerto

Concerto nas Praterías

cartel

Sábado día 20 de maio ás 19.00h. na Praza das Praterias concerto da coral Lugh (da cidade de Lugo), coral e banda de música de Solfa.
Despois de irmos nós a Lugo no outono convidados polo Conxunto vocal Lugh, recibímolos nós a eles na nosa cidade. Moitas son as cousas que teñen en común  estas dúas formacións coralísticas. Destacaremos dúas que serven de guieiros:

  • Cantar letras de autores da nosa literatura como Rosalia, Curros, Pondal, Manuel María…
  • A posta en valor da música popular galega e portuguesa como fontes de coñecemento das nosas raíces.

O coro lugués deleitaranos cun variado repertorio en que se inclúen  cancións da autoría de membros do conxunto vocal Lugh e arranxos  do seu director: Fernando G. Jácome.
Interpretará a coral de Solfa dúas pezas dirixidas  por Francisco Tobar. A continuación actuará a banda de música de Solfa, dirixida por Adrián Pais. Pecharase o concerto coa interpretación de Lela de A. Daniel Rodríguez Castelao, interpretada pola banda de Solfa e os dous coros.

Programa do concerto

Maniféstate pola lingua. En galego sen limites!

engalegosenlimites

#17MQueremosGalego

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais, da que forma parte a Asociación cultural e musical Solfa, fai unha convocatoria dunha multitudinaria manifestación para o 17 de maio baixo o lema “en galego sen límites”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda.

Esta plataforma pretende pór en evidencia os obstáculos para vivir en galego e a necesidade de superalos colectivamente.  Marcos Maceira: “É hora de que a Xunta de Feixó corresponda a dignidade que o pobo mostra mantendo viva a súa lingua”

 “A exclusión sistemática do galego de tantos espazos é mostra do Apartheid lingüístico legalizado no que aínda vivimos”…

Toda información en http://www.queremosgalego.gal