Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade

Actualidade

A plataforma Queremos Galego convoca manifestación o 17 de maio baixo o lema En galego día a día

A Asociación Solfa, que forma parte da plataforma Queremos Galego,  fai un chamamento a tod@s os soci@s de Solfa para que o día  17 de maio participen na manifestación de Queremos Galego. Será un acto festivo e reivindicativo a favor da lingua galega. Participarán centos de colectivos e entidades de ámbitos moi diversos que teñen en común a defensa da nosa lingua porque o galego é  o elemento que nos une. Marcos Maceira indicou tamén que “son miles as persoas que  demandan mudanzas que garantan a presenza da lingua propia de Galiza en todo e para todo”.

Santiago de Compostela acollerá a manifestación que sairá da Alameda ás 12h.

Máis información http://www.queremosgalego.gal/

Concerto didáctico dos frautistas e clarinetistas de Solfa

 

A Asociación cultural e musical Solfa ten o pracer de convidarte ao concerto didáctico do próximo venres, día 4 de maio de 2018, ás 20.00h. no Centro Sociocultural das Fontiñas.

A profesora, Carlota Salgado Leal e o director, Pablo Veiga González serán os encargados de dirixir este concerto.

 

Programa do concerto

A coral de Solfa participa na homenaxe ao Banquete de Conxo

O Concello de Santiago está a organizar unha homenaxe ao Banquete de Conxo, con dúas xornadas repletas de actividades: recitáis de poesía, visita guiada, concertos, xantar… Solfa participa nesta homenaxe cun concertó que terá lugar o sábado, 21 de abril, ás 18.30h. no Hospital Psiquíatrico.

Comezará a coral do Psiquiátrico e seguidamente a nosa Coral interpretará un repertorio amplo. Poemas de Rosalía, Curros, Manuel María, Francisco Añón darán paso a cancións populares galegas e portuguesas.

Artigo memoria dun traballo da CIG /CAF polos 150 anos do Banquete de Conxo

Programa actos do 21-22 abril de 2018

Asemblea xeral dos socios e socias de Solfa

Convocatoria dos socios/as da Asociación Cultural e Musical Solfa para o día 22 de marzo, xoves, ás 16.30h. en primeira convocatoria e ás 17.00h. en segunda convocatoria no Centro Sociocultural das Fontiñas

Orde do día

1. Aprobación da acta anterior, se procede
2. Dar conta das actividades realizadas no ano 2017
3. Aprobación se procede do balance de ingresos e gastos do exercicio do 2017
4. Memoria de actividades para realizar no ano 2018
5. Orzamento para o exercicio 2018
6. Rogos e preguntas
7. Varios.

24 de febreiro Día de Rosalía de Castro. #abrideAfiestra

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o 24 de febreiro como “Día de Rosalía de Castro”. Esta entidade realiza un labor incesante para dar  visibilidade e relevancia á súa obra e incide nos centros educativos para que Rosalía chegue a ser apreciada por todo o alumnado como escritora de referencia.

Desde 2010 a AELG propón á cidadanía que o día 24 de febreiro obsequie unha flor e un libro en galego. A homenaxe que se lle renderá no Panteón de Galegos Ilustres o 181 aniversario do seu nacemento quere lembrar a escritora insubmisa ante as inxustizas, a transgresora dos roles predefinidos e das fronteiras que coutan as nosas arelas; a voz poderosa e doce, enérxica e delicada que desenmascara a dobre moral, a falsidade, a explotación, a insolidariedade. Como recolle María Raimondez no manifesto deste ano: “Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe…” coñecer a obra de Rosalía é un primeiro chanzo para que a fiestra non se peche nunca máis.

A coral de Solfa, poñeralle voz a catro poemas:

  • Has de cantar (Poema de Rosalía de Castro; música de Antonio B. Celada)
  • Negra Sombra (Poema de Rosalía de Castro; música de Xoán Montes)
  • María Soliña (Poema de Celso Emilio Ferreiro; Música de Antonio Paz Valverde, Arr.: Francisco Tobar Cereijo)
  • Na morte de Castelao (Poema de Ramón Cabanillas; música de Francisco Tobar Cereijo.

Máis información e texto do manifesto: www.aelg.org