Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade

Actualidade

Concerto da Coral Solfa na Póvoa de Varzim

O día dez de xuño recibimos en Compostela a “Coral Ensaio” da Póvoa de Varzim. Este día de convivio tivo como acto máis importante a actuación na Praza das Praterías da “Coral Ensaio”, do coro de Solfa, da banda de Solfa e a interpretación conxunta de varias pezas galegas e portuguesas.
Agora tócanos devolverlles a visita e, coincidindo coa celebración do San Martiño, estaremos na Póvoa de Varzim os días 11 e 12 de novembro.
Vai ser a primeira vez que cantemos no país irmán. É para nós un motivo de alegría por varios motivos: porque nos permite confraternizar novamente despois da entrañábel xornada do mes de xuño, porque sempre tivemos no noso repertorio cancións portuguesas e porque fai posíbel levarmos a nosa música e a nosa cultura alén do Miño.
Teremos dúas actuacións: Unha o sábado á tarde na Freguesía de Rates e outra o domingo na propia Póvoa de Varzim.
Interpretaremos:
– 5 pezas galegas: “Has de cantar”, “Cantiga”, “Fisterra”, “Costureiriña” e “Xota de Lira”
– Unha canción vasca: “Hegoak”
– Unha brasileira: “Gato na tuba”
– 4 cancións portuguesas: “Alecrim dourado”, “Não quero que vás à monda”, “Verdes são os campos” e “Gotinha de água”
Conxuntamente cantaremos unha portuguesa (“Acordai”) e unha galega (“O voso galo, comadre”.
Levamos connosco o desexo de poder repetir experiencias como esta.

Aberto o prazo de matrícula na Escola de Música de Solfa curso 2017/2018

 

Do día 12 ao 15 de setembro, de 17.00 a 18.00h atenderemos no Centro Sociocultural das Fontiñas a todas as persoas que queiran formar parte da Banda de Música, Coro, Pandeireta, Baile tradicional ou recibir clases individuais de instrumentos: clarinete, saxo, frauta, óboe, tuba, bombardino, trompeta, trombón, fagot, percusión, e solfexo durante o curso 2017/2018

Teléfono móbil: 676675030

Actividades, horarios e matrícula

Formulario de alta en Solfa

IV Convivio da Cultura Galega na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei

Organizado pola Casa-Museo Manuel María, a Federación Galiza Cultura e a Asociación Cultural e Musical Solfa. Unha nova edición do Convivio da Cultura Galega terá lugar o sábado 8 de xullo durante todo o día en Outeiro de Rei da Terra Chá.

O Convivio é un espazo de encontro, de amizade e de intercambio absolutamente aberto á participación de todo o asociacionismo de base que hoxe fai, cada quen ao seu xeito e desde as súas coordinadas, cultura galega desde nós, por nós e para nós.

Un día de festa por volta de Manuel María que, para alén da súa magnífica e polifacética dimensión literaria, gastou, literalmente, “o seu corpo nos camiños” como incansábel activista cultural, como construtor imprescindíbel do primeiro asociacionismo cultural galego nacido aínda na clandestinidade obrigada do franquismo. Unha xornada que celebraremos, máis un ano, nalgunhas das máis significativas paisaxes que conformaron o espazo físico orixinario do noso escritor, a salientar a carballeira de Santa Isabel.

Sairá un autobús de Fontiñas da Rúa de Roma, ao lado do CEIP ás 9.00h. Até completar as prazas podes apuntarte no teléfono 676675030.

Programa

Notas de prensa:

Concerto dos alumn@s, coral, pandereteir@s e Banda de música de Solfa

O próximo luns día 26 de xuño, ás 19.30h. no centro sociocultural das Fontiñas daremos por finalizadas as clases de instrumento e linguaxe musical para dar paso as vacacións e recargar máis folgos, se cabe, para o próximo curso 2017.

Como remate deste curso os alumn@s de frautas, clarinetes, saxos e percusión  deleitarannos cun programa de música clásica e tradicional. Logo intervirá a coral, pandereteiras e finalmente a banda de música pechará este concerto.

Convidámoste, un ano máis, a que compartas a ilusión e o esforzo realizado polos alumnos@s, profes e directiva da nosa asociación.

Programa do concerto

Encontro cultural e XI Feira na Eira da Xoana

 

A Coral Solfa participa o domingo 25 de xuño, en Ramil – A Gola,  no encontro cultural e XI Feira na Eira da Xoana dentro dun programa amplo, ameno, divertido para os amantes da natureza, da música tradicional e con ganas de iniciarse ou ampliar coñecementos no noso baile tradicional.  Poderás atopar diferentes produtos artesanais e de produción ecolóxica…

Levaremos un autobús que sairá ás 10.45h. do CEIP das Fontiñas e ate completar as prazas podes sumarte.

Para confirmar dispoñibilidade podes chamar ao 676675030.

Programa

11:00 h: Apertura de postos.
11.30 h – 12:15 h : Palestras.
12.30 – 13.30 h: Actuación de corais.
15:00 h : Actuacións musicais de Bico da Balouta e Cantareiras.comTIGO.
17.00 – 18.00 h: Obradoiro de pandeireta e baile tradicional.
18.00 h : Actuación de Fantoches Baj.
19.00 h : Sorteo de lote de produtos.