Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade > Semana cultural en Solfa: Luns, 25 de xuño de 19.00 a 21.00h.

Semana cultural en Solfa: Luns, 25 de xuño de 19.00 a 21.00h.

Concerto ás 19.00h.
Pianistas, bombardinos e trompetistas da Asociación Cultural Musical Solfa iniciarán ás 19.00h. a Semana Cultural. Comezaremos con Xoán García Cánive e remataremos o noso concerto con Arturo Pérez e Ramón Castelao.

Xa para os maiores de 13 anos teremos a oportunidade de introducirnos na vida e na obra dun político, escritor, pintor, médico e debuxante e pai do nacionalismo galego, Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao.

Conferencia sobre a vida e obra de Castelao ás 19.30h.

A cargo de Manuel Rei Romeu, nado en Vilancosta, na parroquia estradense de Berres, o 3 de marzo de 1964, é escritor e crítico literario galego.
Militante nacionalista desde os dezasete anos. Formando parte de ERGA, participou no movemento estudantil dos anos oitenta. Cursou estudos de Filoloxía Galego-portuguesa na USC. Nos últimos cursos universitarios fica patente o seu interese pola crítica literaria galega, con aproximacións a figuras relevantes como Curros, Cabanillas, Celso Emilio, Castelao. Froito dun especial interese polo significado desta figura, en 1991 publica Arte e verdade. A obra literaria de Daniel Castelao. A partir deste momento, desenvolve un intenso labor de divulgación desta figura clave do nacionalismo actual, acrecentado con publicacións que perseguen ese mesmo cometido:

  • Castelao e Sempre en Galiza (1996)
  • Alfonso Daniel Castelao (1999)
  • Castelao: desta terra, deste tempo (2000)
  • Volver a Castelao (2011)

Colaborou na realización de varios estudos monográficos sobre literatura galega. Ademais desenvolve un intenso labor impartindo charlas e participando en diversos congresos, seminarios e xornadas.
Como concelleiro do BNG, participou no cogoberno do Concello de Pontedeume, sendo o primeiro tenente de alcalde nos mandatos de 1999 e de 2007. Entre 2007 e 2011 foi Portavoz do BNG na oposición. É profesor de Lingua e literatura no IES “Concepción Arenal” de Ferrol.

Coro de Solfa
Como remate da xornada a Coral de Solfa interpretará A Rosalía de Manuel Curros Enríquez e Lela de Daniel Rodríguez Castelao, dirixidas polo seu director Francisco Tobar Cereijo

Consulta o programa